Estudar Lingua e Literatura Galegas. 1º ano
Ola!!
Había tempo que quería escribir esta entrada contando a miña experiencia en filoloxía galega. Veredes, cando aínda ía en bacharelato e estaba decidindo que quería estudar, non atopei nin unha soa páxina ou vídeo de ninguén que contase a súa experiencia. Tiven que guiarme polo que contaban estudantes doutras filoloxías (que me serviron porque as filoloxías dos diferentes idiomas seguen todas máis ou menos a mesma metodoloxía), aínda que a min o que me interesaba era coñecer concretamente o que outras persoas opinaban sobre o grao de Lingua e Literatura Galegas, porque eu estaba entre filoloxía galega ou española.
Foto de Lisa Fotios en Pexels
Feita esta introdución, creo oportuno comentar que eu estou estudando Lingua e Literatura Galegas na USC, que aínda que é a única universidade que oferta o grao de galego, hai outros graos como o de galego-portugués no que tamén se estuda o galego. Agora mesmo estou comezando o meu segundo ano na carreira, así que a experiencia que vou contar é a do meu primeiro ano ^^.
Para comezar, é interesante saber que os graos filolóxicos están pensados para facilitar que os estudantes poidamos estudar máis dunha lingua. Así, no primeiro ano, ademais da lingua da túa filoloxía, tes que escoller dúas linguas máis. Galego e español danse de forma máis avanzada que en bacharelato (morfoloxía, sintaxe, sociolingüística…), inglés comeza cun nivel avanzado, a diferenza das demais linguas (portugués, francés, alemán…) que comezan dende cero. Eu escollín español e portugués.
Estas dúas linguas que escolles o primeiro ano é interesante escollelas con criterio, porque nos anos seguintes podes seguir collendo optativas ata chegar a sacar o Minor desa lingua. Tamén hai Minor de lingüística e de literatura (se non sabes o que é isto, pregúntame ou investiga :). Eu daquela aínda non sabía de que facer Minor; agora parece que estou continuando con español.
Que materias específicas do grao de galego se dan en 1º? Pois moi poucas. Exceptuando Introdución á literatura galega, o resto de materias son de formación básica. Isto quere dicir que quitando esa materia, nas demais estás por orde alfabética xunto con persoas doutras filoloxías. Dá un pouco de mágoa porque parece que non acabas de coñecer a todos os teus compañeiros de carreira, pero por outro lado é moi interesante porque che permite coñecer a moitas máis persoas e non só aos de galego, por exemplo.
En 1º tamén hai dúas materias de Lingua Galega (que son de formación básica e pódenas coller persoas de calquera filoloxía). Lingua Galega 1 pareceume que pretendía ensinar demasiadas cousas en moi pouco tempo, porque en catro meses faise unha introdución á fonética, fonoloxía, morfoloxía e sintaxe; mentres que en Lingua Española 1 (compároo porque como cursei ambas notei que me gustou máis esa parte da materia en español) repártese en dous cuadrimestres.
Lingua Galega 2 xa me gustou bastante. Presenta o galego ao longo do tempo e tamén se fai unha introdución ás variedades dialectais, ademais de introducirnos na sociolingüística e tratar aspectos sobre a normativa do galego. Gustoume moito porque para o exame había que facer ou ben un comentario diacrónico (dun texto medieval) ou un comentario dialectal (dun texto con variedades dialectais). E aínda que así dito poida asustar para alguén que nunca fixo este tipo de análise, a min fascinoume descubrir que aprendín a comentar un texto medieval (un texto medieval!! Eses textos que me impoñían tanto dende sempre; pois si, aprendín a atopar características e comentalas sen medo).
Supoño que o que me gustou foi que sentín que por fin era capaz de aplicar a teoría que aprendera e non só memorizar o temario.
Polo demais, as materias de Lingüística e Literatura poden asustar, pero son a base para comprender moitas cousas sobre os estudos que estamos facendo. Porque para estudar unha lingua é necesario comprender conceptos de ambos campos.
A min dixéranme que o primeiro ano ao mellor non me gustaba moito porque, claro, ao ser todo moi xeral pois ao mellor bótate para atrás. De todas formas, a min 1º gustoume, aprendín as nocións básicas do portugués, asistín a algunha conferencia, profundei no castelán e deime conta de que quería seguir facéndoo, o tema 3 de lingüística pareceume moi interesante (os outros dous xa non os recordo……….) e así ^^.
Meterse nunha filoloxía implica ler (mandan moitas lecturas) e escribir, interesarse tanto pola lingua como pola literatura e aprender a consultar manuais pola túa conta. Quizais o único que me decepcionou foi que cando entrei tiña a esperanza de que serían máis as saídas profesionais que me proporcionaría estudar filoloxía. Porque realmente non parece que haxa máis que o típico de ser profesor, entrar no mundo editorial ou a investigación (esta última interesábame ata que me dei conta de que o sector non me parece que vaia moi ben e investigar implica quedar na universidade e dar clases alí, cousa que por agora non me apetece). Agora ser profesora de galego non me parece mala idea, porque significa poder transmitir o meu amor cara ao galego a outras persoas ^^, pero supoño que me tería gustado poder poñerme metas máis altas.
Dito todo isto, estou moi contenta co que estou estudando, sabía en que me estaba metendo cando escollín a carreira e por agora non me arrepinto (din por aí que os profesores de galego da primeira promoción alá polos oitenta xa están comezando a xubilarse, por se che interesa o dato).
E creo que é todo, espero ter axudado a alguén. Como curiosidade sobre esta primeira semana que levo en 2º, o primeiro día de clase mandáronnos facernos cunha gramática galega. Teño que dicir que as materias deste ano pintan moi ben; en Dialectoloxía parece que imos facer traballo de campo e facer enquisas para estudar variación dialectal; en Tecnoloxías aplicadas ao estudo da lingua galega aínda non me queda moi claro que imos dar, pero parece unha materia curiosa; e Gramática galega impón bastante, pero seguro que tamén aprenderei moito sobre a lingua.
Un bico!! Se estás lendo isto e tes algunha dúbida, deixa un comentario sen problema! Tamén podes buscarme en redes sociais, estarei encantada de axudar a quen queira saber máis ^^.
Foto de Ray Bilcliff en Pexels
Podedes atoparme en redes sociais (TW e IG) como @sandra_fega ❤
Grazas por ler e déixate levar pola fantasía...
Comentarios
Publicar un comentario
Tus comentarios nos dan alas y las alas nos hacen volar. Y allí, volando, escribimos para que tú también puedas desplegar tus alas 🌌